O PROGRAMA LER CONTA MOITO ARRINCARÁ O LUNS COA PRIMEIRA DAS CATRO ACTIVIDADES PREVISTAS PARA O FOMENTO DA LECTURA

 Neda, 13 de setembro de 2017.- O Concello de Neda participa no programa Ler Conta Moito, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para fomentar a lectura e dinamizar as bibliotecas públicas. Un total de catro actividades, entre os días 18 de setembro e 14 de outubro, pasarán este ano polas instalacións da Casa da Cultura para que todo o alumnado dos centros públicos San Isidro e Maciñeira poida acercarse ás historias que se contan nos libros dunha forma sinxela e divertida. O Concello recibe unha axuda autonómica de 825 euros para a organización dos actos. 

A programación arrincará o próximo luns coa función de Divermaxia “A illa dos nenos”, na que o mago Paco sorprenderá aos pequenos de Primaria cun espectáculo no que mestura maxia, humor e tradición oral. A cita será ás 12.00 horas. A segunda convocatoria, que será o día 25 de setembro, tamén vai dirixida ao alumnado de Primaria. Trátase do espectáculo “Romaría”, que recolle a narración oral, onde os rapaces toman contacto coas lendas máis tradicionais do mundo rural da man da contacontos Raquel Queizás.  O programa Ler Conta Moito volve a ter como destino a vila de Neda o luns día 2 outubro coa obra “Lobo Lobo”, a cargo da compañía Elefante Elefante. Neste caso, a actividade está pensada para alumnos dos tres primeiros cursos de Educación Infantil. A última cita, prevista para o día 14 de outubro, cambia de horario pero non de lugar. Será ás  18.00 horas na Casa da Cultura. Vai dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre cero e tres anos e correrá a cargo de Charo Pita, que representará a obra “O curral de Cocoricoricó”, un lugar no que pasan cousas moi raras pero que ningún animal quere contar.