O CONCELLO ANIMA Á VECIÑANZA A COLABORAR PARA TER CONTROLADA A PRESENZA DA VELUTINA NO MUNICIPIO

Neda, 12 de setembro de 2017.- O goberno de Neda anima á veciñanza a colaborar co Concello para, se non erradicar, ter controlada no posible a presenza da velutina no término municipal.
Unha chamada ao 112 ou ao teléfono do Concello (981 380 039) para advertir da existencia dun niño son pequenos xestos individuais que van en beneficio de todos e mesmo tamén do medio ambiente, tal e como se explica desde o executivo local. Este ano o Concello investiu 3.000 euros na compra de dous traxes e unha pértiga de máis de 25 metros para destruír os niños, ademais de contar coa axuda de dúas persoas que de maneira desinteresada se veñen facendo cargo dos traballos que non poden ser realizados polos servizos da Xunta de Galicia.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra, asegura que “canto máis se actúe neste sentido menos velutina haberá, o que será mellor para todo o mundo”.