O Concello de Neda colabora con AGA na súa labor de concienciación sobre a importancia do trampeo primaveral contra a vespa velutina

 O Concello de Neda súmase á labor de sensibilización e divulgación da Asociación Galega de Apicultura (AGA) sobre a necesidade de promover o trampeo primaveral contra a vespa velutina e, con ese fin, vén de publicar un bando municipal. No mesmo, danse indicacións sobre o trampeo e facilítase tamén o teléfono da delegación en Ferrolterra de AGA: 661 378 960 para aqueles que precisen máis información.

O obxectivo é evitar o grave perigo que conleva a proximidade dos niños ás vivendas e, para combatilos, incídese na necesidade de colocar trampas dende marzo a xuño. Deste xeito asegurarase eliminar todas as raíñas de paso e os niños primarios existentes nun radio duns 150 metros. Dende AGA lembran que o comportamento da velutina na lonxanía do seu niño é similar ao do resto de himenópteros, pero varía na proximidade, onde o seu instinto de protección faina máis agresiva e perigosa. Así, calquer ruído ou vibración -coche, maquinaria agrícola...- pode facilmente orixinar un ataque.

Agora estamos na época de previr ese perigo mediante o trampeo primaveral, coincidindo coa fase de construción e actividade do niño primario, ou ben de setembro a decembro, que é cando nacen as novas raíñas.