O Concello de Neda organiza unha charla multidisciplinar baixo o lema “Educación e información: as bases dunha boa alimentación”

 O Concello de Neda organiza unha charla multidisciplinar baixo o lema “Educación e información: as bases dunha boa alimentación”. Celebrarase o vindeiro mércores 14 de abril ás 18 horas na Casa da Cultura, e nela participarán Carlos de Juan Fernández, médico residente de Mediciña Familiar; Rosa Pérez Cobeta, pediatra do centro de saúde, e Ismael Samartino -Isma-, xogador de Primeira División Nacional pertencente a O Parrulo FS. Está dirixida a familias, nenos, adolescentes e pais e nais, e dende o Concello anímase a uns e outros a acudir xuntos.

Presentará a xornada a concelleira de Educación e Deportes, Ángeles Puentes, e os tres ponentes abordarán dende un punto multidisciplinar a necesidade de inculcar dende a infancia uns correctos hábitos alimenticios para previr problemas de saúde futuros, evitando os riscos que unha mala dieta pode ocasionarnos, e poñendo en valor o determinante papel do deporte para unha vida saudable.

Así mesmo, farase especial fincapé nas recomendacións para combater un sedentarismo cada vez máis presente na infancia e mocidade, acentuado pola situación de pandemia que estamos a vivir. Evitar que se perpetúe, promover hábitos saudables e unha alimentación equilibrada son, en definitiva, os obxectivos da charla. Así mesmo, ao remate das intervencións, abrirase unha quenda de preguntas entre o público para solventar as súas posibles dúbidas.
 
As prazas son limitadas por mor dos protocolos de prevención fronte á covid-19, polo que as persoas interesadas en asistir deben reservar a súa no teléfono 981 39 02 33 (en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 h de luns a venres).