O Concello de Neda avanza na implantación do programa de compostaxe caseiro coa entrega de medios á veciñanza

 Os veciños e veciñas inscritos/as no programa municipal de compostaxe caseiro recibirán, de forma totalmente gratuíta, os medios materiais precisos para a elaboración de compost este venres 9 de abril. Repartiranse composteiros individuais de 400 litros de capacidade, caldeiros para o depósito dos biorresiduos e aireadores para facilitar a execución do proceso.

Realizaránse dous actos de entrega: ás 17 horas e ás 18 horas, no polideportivo do Roxal, onde ademais de recibir os medios materiais correspondentes para iniciarse na compostaxe caseira, monitores ambientais especialistas na materia ofrecerán as pautas para desenvolver con éxito esta práctica tradicional.

O programa municipal de compostaxe caseira conta cun investimento de 18.140,96 euros, dos que o 70% dos fondos son aportados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención FEDER 2014-2020. Está pensado para a participación inicial de 125 veciños e veciñas, aínda que no caso de constatarse maior demanda o Concello xa avanzou que asumirá o custe dos recursos necesarios sempre que se cumpran os requisitos establecidos.
 
Deste modo, o proxecto buscará capacitar á poboación para a transformación de materia orgánica en compost; mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a separación previa da materia orgánica; reducir o volume de residuos que debe recoller o ente municipal; concienciar á poboación sobre o papel que xoga a compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, e aproveitar esta actuación como punto de partida para o desenvolvemento doutros programas de educación ambiental.