Presentación en Neda de “O pau de ferro”, a primeira novela de Xosé Manuel Felpeto

 A Casa da Cultura acollerá o venres 9 de abril ás 19 horas a presentación de “O pau de ferro”, a primeira novela de Xosé Manuel Felpeto Carballeira. No acto, estará acompañado da actriz Silvia Casal e do artista local Leandro Lamas, autor das ilustracións da publicación. Así mesmo, Xoán Padín porá o broche de ouro coa súa música. As prazas son limitadas, e as persoas interesadas en asistir deben reservar a súa no 981 39 02 33 a partir do luns 5 de abril.

“O pau de ferro” é unha novela de pequenas cousas e grandes recordos. Nela, seguimos a pegada na vida de Brais, desde o seu nacemento, nunhas condicións duras, ata os 25 anos, cando xa ten a súa vida canalizada. Brais é un mozo do rural, un mozo que pon de relevo esas pequenas cousas da vida de todos, todas esas que están ao redor: “esas pequenas cousas tan necesarias e amadas sempre preto de nós desde nenos, ás que tanto lles debemos”. Afirma Felpeto que non é autobiográfica pero ao mesmo tempo todos os lectores poderán atopar nela un anaco da súa alma, e moitos dos seus recordos.