O Concello de Neda instala 7 novas marquesiñas cun investimento de 18.000 euros

 O Concello de Neda vén de concluir a instalación de sete novas marquesiñas para paradas do servizo de transporte público. Unha intervención na que o Concello investiu preto de 18.000 euros.

O obxectivo era substituír este tipo de mobiliario urbano nalgúns puntos nos que as marquesiñas se atopaban nun avanzado estado de deterioro e, tamén, dotar desta infraestrutura a determinadas paradas que carecían dela. Así, facilítase o acceso a un espazo no que protexerse das inclemencias do tempo nas esperas ás persoas usuarias do transporte público.

A instalación levouse a cabo nos seguintes emprazamentos: Os Pazos, Gunduriz, O Roxal (reposición) e en Anca, Vila de Anca, Viladonelle e Gandarela (novas infraestruturas para puntos que carecían delas).
 
Ademais, pendente das autorización autonómicas necesarias, o Concello prevé a instalación dunha oitava marquesiña na Cobeluda.