Malasombra representará en Neda este venres Bernarda, a trunfadora nos Premios María Casares 2020

 O salón de actos da Casa da Cultura de Neda acollerá este venres a representación da obra “Bernarda” a cargo da compañía teatral Malasombra. Con texto de José Prieto, e baixo a dirección de Xoque Carvajal, a peza dá todo o protagonismo na escea a 3 mulleres: Luisa Merelas, Esther Aja e Celia Sánchez. Será a partir das 20 horas, e inclúese no marco da programación de actos deseñada polo Concello para conmemorar o Día Internacional da Muller.

As entradas están xa á venda ao prezo único de 2 euros na Biblioteca Municipal, en horario de 10 a 13 e de 16 a 20 horas, ata o mesmo venres ou ata completar aforo, limitado ao 30%. É unha das medidas de prevención fronte á covid-19 para garantir unha cultura segura, xunto á distancia de metro e medio ou a hixiene de mans, entre outras.

“Bernarda” foi a gran trunfadora nos Premios María Casares 2020, onde obtivo varios galardóns: mellor espectáculo, mellor texto orixinal, mellor dirección e mellor actriz secundaria (Celia González).
A función inclúese na rede cultural da Deputación provincial da Coruña.
 
SIPNOSE
Bernarda é unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra que a forxou nuns principios ríxidos e inamovibles. Ao morrer o marido ten que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai non o fai por maldade, todo o contrario, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, en cambio, non o ven así, aínda que como tamén entre elas son diferentes, discuten moitas veces sobre as motivacións da nai.
 
Bernarda, ao quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual que sempre, como foi toda a súa vida, e que as “malas” influencias dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela mesma. Bernarda non entende a música yeyé, nin as minisaias, nin os guateques, nin ningunha das novas modas da mocidade da época, e a súa intención é moi clara: “Mentres eu viva, nesta casa non vai cambiar nada e as cousas vanse facer como se teñen que facer.” O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.