Teatro, literatura e unha homenaxe ás mulleres que admiramos, actos do Concello de Neda para conmemorar o Día Internacional da Muller

 O Concello de Neda conmemorará o 8M, Día Internacional da Muller, con teatro, literatura e máis unha particular homenaxe nas redes sociais ás mulleres que admiramos. Así, este venres 5 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a partir das 20 horas a representación teatral de “Bernarda”, a cargo da compañía Malasombra. A gran triunfadora nos Premios María Casares 2020, co recoñecemento como mellor espectáculo, texto orixinal, dirección e actriz secundaria chegará a Neda para ofrecer unha historia próxima, comprensible e universal. O aforo estará limitado ao 30%, mantendo a distancia de metro e medio e coas medidas de prevención fronte á covid-19. As entradas están á venda ao prezo único de 2 euros e poden adquirirse entre hoxe e o venres na Biblioteca de 10 a 13 e de 16 a 20 h.

Así mesmo, a conmemoración trasladarase durante todo o mes á Biblioteca Municipal. As instalacións culturais adicarán á muller un espazo propio, cunha selección de libros infantís, xuvenís e para público adulto, onde a igualdade e a muller como protagonista serán a tónica.

Finalmente, o Concello organizará unha particular homenaxe en redes baixo o título “A que muller admiras?” Unha iniciativa coa que busca a implicación e participación da veciñanza. Esta poderá enviar ao 650 484 521 fotografías dunha ou varias mulleres que admira e unha frase coa razón. Así mesmo, deberá cubrir a ficha de protección de datos que poderá descargarse da web municipal e, a partir do 8 de marzo, Día da Muller, o Concello compartirá esas imaxes a través das redes sociais municipais.