O Concello de Neda aproba axudas por 67.000 euros para 39 autónomos e microempresas locais afectadas pola crise da covid-19

 O Concello de Neda aprobou provisionalmente a concesión de 39 axudas por importe de 67.000 euros destinadas a persoas autónomas e microempresas do municipio para paliar o impacto económico e social ocasionado pola covid-19. A resolución coa aprobación das subvencións publicouse hoxe no Boletín Oficial da Provincia para a súa exposición pública. Destinadas tanto a colaborar nos gastos de adaptación dos locais á nova realidade como nos gastos correntes dos negocios, están cofinanciadas por Deputación, a través do Plan de Emprego Local PEL-Reactiva, e Concello.

 
A contía das axudas oscila entre os 1.500 euros para os traballadores por conta propia ou autónomos sen empregados ao seu cargo; 2.000 euros para microempresas e autónomos cun empregado; 2.500 euros se contan con entre 2 e 5 empregados, e 3.000 euros, para aqueles con 6 ou máis traballadores.
 
Estes fondos poderán destinarse, entre outras cuestións, ao acondicionamento dos negocios ás medidas de protección fronte á covid-19, á adquisición de produtos de limpeza e protección, ou a sufragar gastos correntes, dende arrendamentos a primas de seguros ou facturas de subministracións (auga, electricidade...).
 
Para optar ás mesmas, entre os requisitos estaba o peche durante o confinamento ou a reducción na facturación dun 75% durante o segundo trimestre fiscal de 2020 en comparación co semestre anterior ao estado de alarma. Ademais, podían acceder as firmas que tiveron que acollerse a un ERTE.