Néboa abre a inscrición no seu Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre

 A Escola de Tempo Libre Néboa organiza un Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre homologado pola Dirección Xeral de Xuventude. Un título que capacita a aqueles que o superen para a realización de actividades socio-culturais e recreativas, tanto en tempo libre urbano como na natureza. A inscrición está aberta e debe formalizarse a través dos teléfonos 669 111 183 ou 646 156 421, de luns a venres e en horario de tarde.

 
Esta acción formativa arrancará no mes de marzo e consta de 2 fases: teórica-práctica cunha duración de 200 horas lectivas, dividida á súa vez nunha parte online e outra presencial, sempre que as circunstancias o permitan. Esta última realizarase en sucesivas fins de semana, con clases os sábados de 9 a 14 h e de 16 a 20 h, e os domingos de 9 a 14 h (como norma xeral).
 
ESCENARIOS
Ademais, unha das materias, aire libre, desenvolverase na área recreativa de Vilarbó (As Pontes) posto que nel se van impartir coñecementos de orientación, montaxe de tendas... e alí será onde os/as alumnos/as do curso realicen o período de prácticas. Complementariamente, a materia de educación ambiental, se o tempo o permite, transcurrirá principalmente ao aire libre polos espazos naturais do Concello de Neda.

O lugar onde serán impartidas o resto das clases presenciais será concretado iniciado o curso, pero sempre no Concello de Neda.