Comeza a vacinación contra a covid entre as auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar de Neda

 As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Neda están a recibir estes días a primeira dose da vacina contra o coronavirus. Unha medida que chega despois de que as auxiliares se sometesen a pasada fin de semana a un cribado realizado ao confirmarse 3 casos positivos na plantilla, integrada por 50 profesionais. Sen embargo, os resultados destas últimas probas foron todas negativas. Ademais, e para maior seguridade, o cribado estendeuse aos usuarios e usuarias do servizo de axuda no fogar co mesmo resultado: cero casos positivos a día de hoxe.

O Concello de Neda, aínda que coa necesaria prudencia, valora positivamente estes datos, e chama á veciñanza a non baixar a garda no municipio, con 19 casos confirmados a día de hoxe.

A vacinación das traballadoras do SAF supón unha medida de especial importancia non só para a protección deste colectivo, que traballa día a día en primeira liña, senón tamén para protexer a maiores e dependentes, especialmente vulnerables fronte á covid. De feito, xa nos primeiros meses da pandemia, o Concello de Neda solicitaba por escrito á Xunta de Galicia que equiparase ao persoal deste servizo cos profesionais sanitarios, dotándoos dos mesmos medios de protección para garantir a súa seguridade.