O Concello de Neda insta á Xunta a manter o programa de apoio no entorno familiar namentras dure a crise da covid-19

 O Concello de Neda vén de remitir un escrito á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia no que lle solicita que reconsidere a súa decisión de suspender o Programa Extraordinario de Apoio no Entorno Familiar. Un programa que a Xunta activaba coa declaración do estado de alarma xerado pola covid-19 e ao que poñía fin o pasado 1 de decembro. O seu obxectivo era reforzar a atención de todas as persoas que precisasen axuda pola súa situación de especial vulnerabilidade, e servía de apoio ao Servizo de Axuda no Fogar.

Para o Concello de Neda, esa situación crítica non só non desapareceu senón que se viu incrementada, posto que a comarca está a sufrir unha nova sacudida con maior virulencia que as anteriores, o que obriga a reforzar o nivel asistencial tal e como están a facer as administracións locais e provinciais. Por iso, o Concello pídelle o mesmo esforzo á Xunta.

Así, dende o Concello entédese fundamental manter o citado programa, así como o copago por parte da Administración local, ao que se compromete Neda nuns momentos nos que toda axuda social resulta pouca e irrenunciable.