O Concello de Neda suma un novo colector no Puntal para a reciclaxe de aceites usados de cociña

O Concello de Neda vén de instalar un novo colector para a recollida de aceites usados de cociña. Ubícase no lugar da Silva, no Puntal, e con el a rede deste tipo de infraestruturas elévase a 12. Dende a Administración local lémbrase que os emprazamentos son os seguintes: Mourela Baixa (inmediacións do transformador de Unión Fenosa); Muchiqueira (beirarrúa da farmacia); avenida de Xuvia; Santa María (nas inmediacións do adro); avenida de Alxeciras (illa de colectores diagonal á consistorial e fronte ao Eroski); lugar de Forxá (nas inmediacións do lavadoiro e a fonte); Puntal (avenida Médico Cebreiro); Anca (xunto á igrexa); Viladonelle (na contorna da asociación de veciños O Castro); O Roxal (fronte ao polideportivo), e San Nicolás (inmediacións da praza reitoral).

 
Neste sentido, a Administración local sinala que estes colectores están destinados á recollida de aceite vexetal sobrante de asados, fritos, alimentos enlatados ou graxas, entre outros. Uns residuos que, coa colaboración da veciñanza, poden obter unha segunda vida, xa que con el pódese facer biocombustibles para motores diésel, abonos, ceras, barnices, deterxentes, locións, xabróns, pinturas…