O Concello reforza o gasto social sumando unha partida de 85.000 euros para cubrir as necesidades das familias afectadas pola crise económica da covid

 O Concello de Neda aumentará significativamente o gasto social este ano para garantir a protección dos veciños e veciñas máis afectados pola crise económica derivada da covid-19. Así, elevará en 85.932,62 euros a partida dos Servizos Sociais municipais. Para iso, destinará unha achega superior aos 79.000 euros procedente do POS Adicional Social da Deputación e redirixirá o destino doutros 6.000 euros do orzamento municipal. Con estes fondos cubriranse as principais necesidades das familias nedenses a través das axudas de emerxencia social; permitirán tamén eximilas de tributos e tasas para aliviar a súa presión fiscal e procederase á compra de EPIS e menciñas. A medida foi aprobada en pleno cos votos favorables de PSOE, PP e BNG e a abstención de Moveneda.

En concreto, o Concello aumentará a partida destinada a axudas de emerxencia social en 30.000 euros para a adquisición especialmente de alimentos destinados ás familias en risco de exclusión social.

Idéntico incremento, de 30.000 euros, para cubrir cuotas de hipoteca, recibos de aluguer, da luz, adquisición de electrodomésticos de primeira necesidade ou reformas básicas de vivenda fundamentais para garantir a habitabilidade.
 
Outros 10.000 euros permitirán eximir a veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade do pago de tasas municipais como o recibo da auga e da recollida do lixo.
 
Así mesmo, 6.000 euros destinaranse á adquisición de EPIS e ao financiamento de gastos farmacéuticos para aqueles veciños e veciñas sen recursos.
 
E, finalmente, o Concello reserva unha partida cercana aos 10.000 euros para a contratación dun/ha traballador/a social a media xornada, durante 6 meses, para atender o volumen de traballo e as demandas da veciñanza no departamento municipal de Servizos Sociais, atendido hoxe en día por unha traballadora social.
 
En definitiva, fondos fundamentais para cubrir necesidades básicas nesta situación de pandemia que estamos a vivir e que está afectando duramente a moitos veciños e veciñas do noso municipio.