Neda aumenta nun 50% a reciclaxe de papel e cartón nos dous últimos anos

 Neda reciclou en 2020 máis de 7 toneladas de papel e de cartón: 70.140 quilogramos. Isto é, cada veciño e veciña depositou no colector azul unha media de 13,89 kgs. A cifra supón un incremento da reciclaxe dun 34,5% en relación ao 2019 (cando se reciclaron 52.142 kgs). Un aumento significativo que chega ao 49,2% comparando as cifras coas de 2018 (47.000 kgs reciclados).

Nesta liña, o Concello de Neda quere agradecer a implicación da veciñanza nesta misión común, fundamental para alcanzar estes rexistros. Ademais, aumentando a reciclaxe de papel e cartón redúcese a porcentaxe de impropios que van ao colector e, por tanto, desvíase o seu destino habitual a Sogama, rebaixando así a factura que paga o Concello por este concepto.

Non só iso, a nova adxudicación do servizo de recollida a Ambigal permitiu tamén rebaixar a factura mensual que abonaba a Administración local por este servizo, dende os 900 euros ao mes ata os 450 euros de media. En todo caso, o Concello continuará facilitando os medios necesarios á veciñanza para seguir esta liña ascendente e xa avanza a próxima instalación de novos colectores azuis no marco do contrato subscrito.