Os concellos da Mancomunidade acordan medidas sobre o uso dos parques infantís ante o empeoramento da pandemia

 Os alcaldes dos nove municipios que forman parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol acordaron onte coordinar medidas respecto dos parques infantís no marco das restricións debidas á covid-19 e tendo en conta a gravidade da situación. Os rexedores analizaron conxuntamente as opcións en relación ao uso destes espazos dedicados ao lecer dos nenos e  finalmente decantáronse maioritariamente por pechalos, de xeito que en Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Narón, Neda e Valdoviño non será posible acceder a eles.

Ao estudar o asunto tívose en conta que, se ben é importante que os concellos da Mancomunidade coordinen as súas decisións, cada un pode presentar características e situacións distintas e necesitar adoitar medidas diferentes, como nesta ocasión foi o caso de Mugardos, un dos municipios de menor extensión da provincia, polo que nese concello os parques infantís permanecerán abertos.

A orde da Xunta de Galicia do pasado martes establece que os parques infantís poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados da área total do recinto e que deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire á limpeza e desinfección diarias dos xogos e ou outro mobiliario urbano de uso compartido. Pero nesta ocasión os alcaldes tamén tiveron en conta a gravidade da situación que soporta a área sanitaria de Ferrol durante as últimas semanas e a necesidade perentoria de interromper a cadea de contaxios