O Concello de Neda investirá máis de 100.000 euros no acondicionamento dos camiños de Rabadeña-Fábrica do Monte e do Vilar

 O Concello de Neda destinará os fondos do Plan Único de Concellos da Deputación provincial da Coruña ao acondicionamento dos camiños do Vilar e de Rabadeña-Fábrica do Monte, nos que investirá algo máis de 100.000 euros. Así o acordou a corporación na sesión plenaria celebrada no día de onte. Na mesma, tamén se deu luz verde aos investimentos con cargo ao POS Adicional, que se reservan para a mellora de viais e equipamentos deportivos e culturais.

Máis polo miúdo, o Concello de Neda investirá este ano 100.985,14 euros nas obras de aglomerado do camiño que une a Fábrica do Monte con Rabadeña e no camiño do Vilar (en Casadelos). Dous viais moi deteriorados polo paso do tempo e o intenso tráfico que soportan, así como polos efectos do tránsito continuo de vehículos adicados ao transporte de madeira no primeiro caso. O obxectivo é acondicionar o firme e mellorar a mobilidade e seguridade vial de conductores e peóns.

POS ADICIONAL
Así mesmo, e con cargo ao POS Adicional, o Concello plantea a pavimentación dos camiños do Empedrón (30.393,18 euros), Murallón (38.739,52 euros), Ardá (46.041,71 euros), Chisqueira-Galanos (36.949,48 euros) e Alcallás-Cruz do Pouso (62.094,64 euros). Tamén proxecta traballos no campo de fútbol de San Isidro por valor de 61.356,44 euros. En concreto, a reforma da zona de gradas para ampliar a cuberta e protexer ao público da choiva.
 
E, finalmente, as actuacións previstas completaríanse coa renovación da cuberta e a substitución das ventás do inmoble da Casa da Cultura. Dúas intervencións de eficiencia enerxética que suman algo máis de 126.000 euros.