O Concello de Neda aproba en pleno unha declaración institucional de apoio aos traballadores de Galicia Textil

O pleno do Concello de Neda aprobou esta mañá unha declaración institucional de apoio ao mantemento dos postos de traballo na firma radicada no municipio Galicia Textil. Unha declaración que responde ao anuncio da empresa de presentar un ERE extintivo para 20 dos 36 traballadores que integran a plantilla alegando causas económicas, e unha medida que xa avanzaran o alcalde e a totalidade dos grupos municipais con representación na corporación de Neda tras a xuntanza que mantiveron o pasado venres cos representantes dos traballadores.
O Concello oponse a esta medida, que considera desproporcionada a respecto da situación da empresa, entendendo que se deben aplicar medidas menos lesivas para a plantilla. Coincide con esta ao considerar viable manter a produción e os postos de traballo. Unha necesidade máis aínda tendo en conta a situación de declive industrial que está a padecer a comarca, que non se pode permitir continuar nesta sangría industrial, económica e social.