O Concello de Neda insta ao Banco Santander a reconsiderar o peche da sucursal no municipio

 Unanimidade na corporación municipal en contra do peche da sucursal do Banco Santander en Neda. Unha decisión anunciada días atrás que supón un grave problema para os veciños e veciñas do municipio, máis tendo en conta a avanzada idade media da poboación, que precisa dunha atención persoal. Así o puxeron de manifesto os grupos municipais na declaración institucional consensuada e aprobada na sesión plenaria desta mañá.

Conscientes dos momentos difíciles que estamos a vivir, os grupos plantean un fronte común para reconducir a situación e, tras a comunicación remitida días atrás pola Alcaldía, reiterarán agora a petición para manter aberta ao público a oficina a través dunha xuntanza cos representantes da Dirección Territorial do Santander en Galicia.