A Xunta levanta a prohibición de plantar pataca en Neda

Os veciños e veciñas de Neda xa poden volver a plantar patacas no municipio. A Xunta publicaba hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se levanta a prohibición en nove concellos da Coruña e Lugo, entre eles o noso, afectados pola couza guatemalteca. A medida anunciárase previamente na comisión de seguimento desta doenza e faise agora efectiva.
Para realizar a plantación é preciso unha comunicación á Xunta e, dada a situación actual, coas restricións á mobilidade impostas pola covid-19 e a imposibilidade de desprazarse ao edificio administrativo en Ferrol, o Concello de Neda encargarase da tramitación. Así, adicará un traballador a asesorar á veciñanza á hora de cubrir os impresos necesarios. Para isto, é preciso solicitar cita previa no 981 38 00 39 ou no móbil 679 423 884.