Últimos días para sumarse ao programa municipal de compostaxe caseiro

 Os veciños e veciñas interesados/as en sumarse ao programa municipal de compostaxe caseiro poden formalizar a súa inscrición na casa consistorial ou no teléfono 981 38 00 39. O Concello de Neda lembra que o prazo para anotarse conclúe este venres 15 de xaneiro.

A través da iniciativa, a veciñanza recibirá os medios materiais necesarios de forma completamente gratuíta, así como asesoramento durante todo o proceso.

Tal e como explicou a Administración local, o obxectivo do programa é lograr reducir nun 5% os residuos orgánicos que van directamente ao colector verde, cunha reducción de 0,20 toneladas anuais de CO2.
 
O programa municipal de compostaxe caseira conta cun investimento de 18.140,96 euros, dos que o 70% dos fondos son aportados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención FEDER 2014-2020. Está pensado para a participación inicial de 125 veciños e veciñas, aínda que no caso de constatarse maior demanda o Concello xa avanzou que asumirá o custe dos recursos necesarios sempre que se cumpran os requisitos establecidos.
 
Deste modo, o proxecto buscará capacitar á poboación para a transformación de materia orgánica en compost; mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a separación previa da materia orgánica; reducir o volume de residuos que debe recoller o ente municipal, tanto os de xardín como os domésticos; concienciar á poboación sobre o papel que xoga a compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, e aproveitar esta actuación como punto de partida para outros programas de educación ambiental.