Neda súmase ao Pacto de alcaldes para a loita contra o cambio climático

O Concello de Neda aprobou sumarse ao Pacto de alcaldes polo clima, que agrupa xa a miles de municipios, que asumen o reto de traballar para reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera. Un compromiso en clave ecolóxica, que o goberno municipal deberá plasmar nun plan de acción no prazo máximo de dous anos.

O pleno da corporación local daba, na súa última reunión, luz verde á incorporación da localidade ao pacto ambiental, facendo súa a aposta da UE de rebaixar un 40% as emisións de dióxido de carbono de aquí ao ano 2030. Un obxectivo para o que, como apuntan desde o executivo local, resultarán cruciais tanto o aumento da eficiencia enerxética e dun maior uso das enerxías renovables.
 
A adhesión a este acordo permitirá ao concello optar a axudas autonómicas para a elaboración do plan de acción para o clima e a enerxía sostible- ferramenta obrigatoria-, ademais de fixar as medidas previstas para reducir e limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro e un inventario de referencia de emisións para facer un seguimento de efectividade.
 
A medida supón un paso adiante nas políticas municipais en materia de medio ambiente e transición ecolóxica. Entre as medidas adoptadas nos últimos tempos, cabe apuntar a extensión da iluminación led, máis eficiente, en parte importante da iluminación pública municipal e, proximamente, a posta en marcha efectiva do plan municipal de compostaxe doméstica.