O Concello de Neda aproba as axudas para entidades sociais, veciñais, culturais e deportivas

 O Concello de Neda destinará preto de 15.000 euros a tres liñas de axudas destinadas principalmente ás entidades do ámbito social, asociacións veciñais, culturais e deportivas. Así o acordou na Xunta de Goberno Local. Axudas en concorrencia competitiva coas que a Administración local busca apoiar o importante labor que desenvolve o tecido asociativo ao longo de todo o ano, especialmente este marcado pola covid-19, que deixou a moitas entidades sen capacidade de manobra para realizar moitas das súas accións e actividades. Unha situación que se traduciu nun descenso no número de solicitudes cursadas.

Máis polo miúdo, o Concello destinará unha partida lixeiramente superior aos 6.700 euros para o financiamento de actividades a desenvolver polas entidades locais. Son as seguintes: AVV O Castro de Viladonelle, AVV San Pelaio do Roxal; Lucero del Alba, Mulleres Val do Belelle, Asociación de Amas de Casa, Axune e Semente de Trasancos. Así mesmo, outra partida de 4.895,56 euros destinarase a axudas en materia de investimentos por parte das seguintes asociacións: AVV Anca, AVV Ancos, ANPA Maciñeira e Semente de Trasancos. Cabe recordar que este ano o Concello modificaba as bases das liñas de axudas a raíz da pandemia xerada pola covid-19. A situación derivada impediu a realización dun bo número de accións e actividades por parte do movemento asociativo, polo que dacordo coas entidades, a Administración local incorporaba este ano a posibilidade de destinar as achegas a investimentos.

Por último, o Concello aprobou a concesión de axudas por valor de 3.000 euros para entidades do Terceiro Sector con radio de acción no municipio. Asociacións do eido sociosanitario que desenvolven programas de axuda, apoio e atención a colectivos como son: Asfedro, Ex Alcohólicos de Ferrolterra, Aspaneps, Cocina Económica, Albergue Pardo de Atín e Dignidad.