O Concello activa “En positivo contra a violencia”

 No marco da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Neda activa a iniciativa “En positivo contra a violencia”. A través da mesma, convídase á veciñanza a compartir as súas frases con mensaxes positivas para facer sentir ás mulleres vítimas de violencia machista que contan co apoio de toda a sociedade. Todas as mensaxes subiranse ás redes sociais do Concello e, entre as recibidas, sortearanse lotes de libros.

Poderán participar as persoas empadroadas en Neda ou que cursen os seus estudos no IES Fernando Esquío, e establécense as seguintes categorías: xuvenil (de 12 a 18 anos, ambas as dúas incluídas) e adultos (a partir dos 18 anos).

Así mesmo, deben enviar ao correo cultura@neda.gal ou whatsapp 650 484 521 a frase en positivo xunto aos datos persoais (nome e apelidos, enderezo, DNI e idade) e o prazo abrirase mañá mércores e pecharase o luns 23 de novembro. Ademais, é necesario presentar, vía mail ou de xeito presencial na Casa da Cultura, o documento cuberto de autorización de uso de datos e imaxes, así como unha autorización expresa para a participación dos menores, de ser o caso. Un e outro documento pode descargarse da web municipal ou recollerse na Casa da Cultura de 9 a 13 e de 16 a 20 horas de luns a venres.