O Concello de Neda somete a consulta pública a modificación da ordenanza reguladora das actividades extractivas de madeira

O Concello de Neda plantea unha modificación da ordenanza reguladora das actividades extractivas de madeira nos montes e espazos forestais do termo municipal. A grandes rasgos, establece a obriga de presentar a comunicación previa como mínimo con 10 días hábiles de antelación e cos datos e a documentación completa, incluída a fianza depositada. Tamén, a obriga de limpar a zona e vías ao final de cada día e ao rematar definitivamente os traballos, así como comunicar ao Concello a conclusión destes. E, a maiores, modifica os criterios para establecer a cuantía das fianzas, evitando priorizar o volumen de madeira que se prevé cortar e permitindo sumar predios nunha mesma comunicación previa. Ademais, contémplase a posibilidade de acollerse a unha fianza anual fixa para aquelas empresas con alta actividade extractiva.

 
Nesta liña, e co fin de solicitar a opinión dos suxeitos e organizacións potencialmente afectados pola futura norma, o Concello somete a modificación a consulta pública previa por espazo de 10 días hábiles. Os cambios poden consultarse na web municipal.
 
A aplicación desta ordenanza que, a pesares do seu título non regula a actividade extractiva de madeira senón certas consecuencias dela, ten alertado sobre os aspectos que son mellorables, tanto para as empresas do sector como para o interese público.
 
Así, os problemas cotiáns xorden respecto da fianza e da reparación dos camiños e vías despois de rematar os traballos. Ata agora, á hora de calcular a fianza esixíase a continuidade física das parcelas para que se puideran considerar cubertas pola mesma garantía. Así,
calquera descontinuidade habilitaba ao Concello para esixir unha fianza por cada parcela na que se ían desenvolver os traballos, o que ben podería determinar unha suma desproporcionada e aínda por riba debíase atender ao volume de corta previsto. Neste último aspecto, a fianza podía establecerse entre 500 e 6.000 euros, segundo o volumen de corta estruturada nunha complexa e case que incontrolable distribución por tramos que ían dende 300 a máis de 3.000 metros cúbicos. Iso si, por debaixo dos 20 m3 considerábase autoconsumo (polo tanto, fóra da regulación desta ordenanza).
 
Por iso, coa nova regulación preténdese simplificar o trámite deixando de lado o volume de madeira que se prevé cortar e se establece un mecanismo máis flexible que permita reunir moitos máis predios nunha mesma comunicación previa e que incentive a concentración dos traballos, tomando como referencia dúas posibles situacións: primeira, a contigüidade das fincas e, segunda, a última vía publica de acceso e o polígono catastral ao que estean adscritas. Agora ben e consecuentemente, a fianza se fixa nunha contía media, pois o volume de tala e a presión de cada actividade sobre o medio natural, os bens públicos e as vías públicas que se prevé será maior, de tal xeito que maior ten que ser a garantía media para a súa protección.
 
Por outra banda, articúlase un mecanismo para que as empresas que así o desexen, porque teñan unha previsión de alta actividade ou por calquera outro motivo, poidan depositar unha fianza única para todo o ano natural, que abranguerá todas as operacións que vaian a realizar, tamén con independencia do volume total da corta, e coa consecuente simplificación do trámite da comunicación previa.
 
Dáselle máis énfase ao principal obxectivo da norma coa nova regulación da comunicación ao Concello do momento no que se rematen os traballos. Este é o xeito máis seguro para que a Administración comprobe o cumprimento das obrigas por parte dos interesados e de que coñeza canto antes o estado dos bens afectados e, consecuentemente, proceda o máis axiña posible ou ben á devolución da fianza ou ben a que o responsable atenda por si mesmo o amaño dos danos causados ou finalmente, e noutro caso, se inicie un procedemento de execución subsidiaria.
 
No apartado dedicado as infraccións e sancións axústanse as contías aos límites legalmente previstos para este aspecto no eido local. Así mesmo, a especial relevancia que ten a comunicación previa de inicio dos traballos esténdese á obriga de comunicar o seu remate, de tal xeito que a súa omisión constitúe, por si mesma, unha infracción leve, agravada segundo o valor dos danos causados ou os custos necesarios para a reposición dos bens afectados.