O Concello de Neda implantará un programa de compostaxe doméstica co que reducir cada ano nun 5% os residuos orgánicos

 O Concello de Neda implantará un programa de compostaxe doméstica co que estima reducir nun 5% os residuos orgánicos que van directamente ao colector verde. Un proxecto no que investirá 18.140,96 euros e que cofinanciará grazas á colaboración da Xunta de Galicia. Precisamente, a Consellería de Medio Ambiente confirmaba estes días a concesión dunha subvención no marco do programa FEDER 2014-2020, apoiando así o proxecto municipal presentado. O importe da axuda alcanzará o 70%, minimizando significativamente o investimento necesario para as arcas municipais.

O proxecto está pensado para a participación de 125 veciños e veciñas, que recibirán os correspondentes composteiros, aínda que no caso de constatarse maior demanda o Concello asumiría o custe dos recursos necesarios sempre que se cumprisen os requisitos establecidos.

Coa posta en marcha desta iniciativa, ademais de permitir a reciclaxe dos residuos en orixe, redúcense as cantidades de lixo a depositar nos contedores convencionais, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais. En cuestión de cifras, co proxecto de compostaxe doméstica a implantar (destinado a 125 beneficiarios) evitaríase verter anualmente ao sistema aproximadamente 40 toneladas de biorresiduos, (un 5% dos residuos orgánicos que se xeran) acadando unha redución de 0,20 toneladas anuais de CO2.
 
Deste xeito, o proxecto buscará capacitar á poboación para a transformación de materia orgánica en compost; mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a separación previa da materia orgánica; reducir o volume de residuos que debe recoller o ente municipal, tanto os de xardín como os domésticos; concienciar á poboación sobre o papel que xoga a compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, e aproveitar esta actuación como punto de partida para outros programas de educación ambiental.
 
Para iso, o programa contempla varias fases. A primeira, unha campaña de difusión que permita sensibilizar á veciñanza co desenvolvemento da técnica da autocompostaxe, así como que facilite a publicidade da iniciativa e a inscrición ás persoas participantes.
A segunda fase iniciarase tras a selección das persoas participantes, ofrecéndolles formación a cargo de persoal técnico especializado. Así mesmo, durante o proceso, contarán con asesoramento telefónico continuado para deste xeito poder resolver pequenas dúbidas que poidan acontecer.
 
O seguemento do proceso de compostaxe realizarase a través de visitas “porta a porta” a cada un dos fogares participantes -visitas de control a cargo dos técnicos-.  E, finalmente, análise de resultados.