Neda destinará 67.000 euros aos autónomos e microempresas máis afectados pola pandemia

 O Concello de Neda distribuirá un total de 67.048 euros en axudas aos profesionais autónomos e microempresas do municipio para paliar o impacto económico e social ocasionado pola covid-19. As subvencións, destinadas tanto a colaborar nos gastos de adaptación dos locais á nova realidade como nos gastos correntes dos negocios, poden solicitarse ata o 25 de novembro.

Dos 276 autónomos/microempresas con sede en Neda, poderán acollerse ás axudas aqueles que se visen obrigados a pechar durante o confinamento, así como os que, a pesar de poder funcionar, visen reducida nun 75 % a súa facturación durante o segundo trimestre fiscal do 2020, en comparación co semestre anterior ao estado de alarma. E finalmente, tamén poderán optar as firmas que tiveron que acollerse a un ERTE.
 
A contía da axuda será de 1.500 euros para os traballadores por conta propia ou autónomos sen empregados ao seu cargo. No caso de microempresas e autónomos con traballadores a cargo serán maiores. Así, percibirán 2.000 euros se teñen un empregado, 2.500 euros (entre 2 e 5) e 3.000 euros (entre 6 e 9).
 
Estes fondos poderán destinarse, entre outras cuestións, ao acondicionamento dos negocios ás medidas de protección fronte á covid-19, á adquisición de produtos de limpeza e protección, ou a sufragar gastos correntes, dende arrendamentos a primas de seguros ou facturas de subministracións (auga, electricidade...)
 
Segundo figura nas bases que hoxe publica o BOP, tanto as solicitudes como o resto da tramitación desta convocatoria, cofinanciada pola Deputación de A Coruña no marco do Plan de Emprego Local PEL-Reactiva, realizarase de forma telemática, a través da sede electrónica do Concello de Neda. O prazo expirará o 25 de novembro ás 14 horas.