Neda convida á cidadanía a compartir fotos das súas cabazas e fachadas decoradas polo Samaín

 Neda prepárase para vivir o Samaín, aínda que para evitar a expansión da covid-19, farao dun modo diferente. Na súa aposta por manter o espírito da festa, o Concello avoga por trasladar a celebración ás redes sociais municipais, que compartirán as imaxes das cabazas e fachadas máis terroríficas e orixinais decoradas polos veciños e veciñas. Entre os participantes sorteará numerosos agasallos.

Así, o Concello activará dúas iniciativas, a través das redes sociais municipais, para manter, a pesar da pandemia, as tradicións ligadas ao Samaín que, nas últimas décadas, fóronse recuperando na comarca e no conxunto de Galicia. Trátase de “Que lle vas facer á túa cabaza?” e “En Samaín, muda a fachada de túa casa”.

Así, anima aos veciños e veciñas a poñerse ao choio, e tallar, pintar ou decorar as típicas cabaceiras, e a enviar, entre o 24 de outubro e o 2 de novembro, unha imaxe das creacións e da persoa autora, xunto ao nome e apelidos, DNI e enderezo, ao número 650484521 ou a través do correo electrónico cultura@neda.gal, para a súa difusión nas páxinas oficiais de Facebook, Instagram ou Twitter.
 
Co ánimo de incentivar a participación, entre as persoas que fagan chegar as súas fotos sortearanse tres lotes de contos (público infantil) e tres ebooks Kindle con luz frontal entre os adultos (maiores de 12 anos).
 
En paralelo, os nedenses tamén poderán sumarse á celebración do Samaín adornando con motivos alusivos a esta festa as fachadas das súas vivendas, axudando así a crear ambiente. Esta iniciativa, de idéntica dinámica á das cabazas (envío de foto polos mesmos medios), está orientada exclusivamente a maiores de idade. E entre os autores dos traballos, o Concello sorteará outros tres ebooks.
 
Todas as persoas que decidan participar terán que entregar debidamente cuberta, ben por correo electrónico ou de forma presencial na Casa da Cultura, a autorización de uso das imaxes e datos por parte do Concello. Un documento que se pode descargar na web municipal ou recoller na Casa da Cultura.