O secretario municipal de Neda entrega ao presidente do TSXG a publicación coa investigación que o fixo merecedor do XXI premio Manuel Colmeiro

 O secretario municipal do Concello de Neda e Doutor en Dereito, Alejandro Antelo Martínez, vén de facer entrega ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, da publicación que recolle o seu traballo de investigación sobre as verbenas populares en Galicia e que o fixo merecedor do XXI premio Manuel Colmeiro, para estudos de investigación sobre o sector público galego.

O presidente do máximo órgano do Poder Xudicial en Galicia, que á súa vez presidiu o xurado que outorgou o galardón, recibiu un exemplar da publicación deste traballo, que versa sobre a intervención dos concellos nas festas populares da nosa comunidade, tras a aprobación da Lei de Espectáculos Públicos e Actividades de Galicia, vixente desde o mes de decembro do ano 2018.

Tal e como no seu momento se subliñou, a análise de Antelo Martínez, titulada “Las verbenas populares en Galicia: régimen de intervención municipal”, supón unha extraordinaria achega a un sector cunha significativa importancia social e económica en Galicia, e aporta ideas e avances concretos dos que pode beneficiarse o conxunto da sociedade galega.