O Concello colabora coas ANPAs na posta en marcha dos programas de conciliación madrugadores e comedores escolares

 No marco das políticas municipais de conciliación, o Concello de Neda colabora coas ANPAs do municipio na posta en marcha dos servizos de madrugadores e de comedores escolares no CEIP San Isidro e Maciñeira. Así, os programas arrancaban co inicio do curso escolar, aínda que a inscrición continúa aberta para todas aquelas familias que desexen contar con estes servizos. No último pleno municipal celebrado, a corporación aprobaba destinar unha partida de 8.500 euros para colaborar co financiamento destes dous servizos nos dous centros escolares neste exercicio 2020. Os fondos axudarán a cubrir os gastos orixinados no CEIP de Maciñeira entre xaneiro e marzo e neste primeiro trimestre e no CEIP San Isidro, nestes meses do actual curso.

No caso do CEIP San Isidro, tanto Madrugadores como o comedor escolar botaban a andar este ano por primeira vez, tras as obras de acondicionamento do espazo, realizadas polo Concello durante o pasado curso. O primeiro comeza ás 7,30 horas e prolóngase ata o inicio das clases. Nel participan unha media de 10 nenos e nenas. Unha cifra que se amplía ata os 12 no caso do comedor.

Pola súa banda, no CEIP de Maciñeira é o segundo ano no que se ofrecen Madrugadores, a partir das 7,30 h, e cunha asistencia media de 8 nenas e nenos, e o servizo de comedor, coa participación duns 11 rapaces e rapazas.
Nos dous centros ofrecen a posibilidade de recurrir aos servizos todos os días da semana ou días soltos.
 
Para novas inscricións, é preciso contactar coa ANPA do CEIP San Isidro nos teléfonos 606 102 226/675 110 856 e do CEIP de Maciñeira 655 26 77 42.