Concello e hostalería entregan as cestas do certame “En Neda, os Bares teñen premio”

 Concello e hostaleiros fixeron entrega das dúas cestas que se sortearon no marco do certame “En Neda, os Bares teñen premio”. Un certame organizado conxuntamente entre Administración local e sector, que se celebrou entre os meses de agosto e setembro para premiar a fidelidade da clientela. Así, a Casa das Palmeiras acollía o acto onte á tardiña.

Rubén Soler Gundín recollía a primeira das cestas de mans da concelleira de Turismo, Soraya Fernández, e do representante do Bar Jupe, Daniel Pernas. O alcalde, Ángel Alvariño, e Jorge Basoa, en representación de La Flor de Mayo, entregaban a segunda a José González González.

Concello e hostaleiros valoraron moi positivamente o proxecto, no que se entregaron máis de 9.000 tickets entre os clientes que acudiron aos establecementos adheridos os xoves dos últimos dous meses. Unha valoración que levou ao sector a avanzar que reeditarán o certamen antes de rematar o ano, coa intención de sumar máis locais á iniciativa e continuar con accións que den novas razóns para achegarse aos bares e cafeterías de Neda.  
 
Na campaña participaron Harina y Brasa, Bar Jupe, Bar Valencia, Cervecería O Lagar, Mesón O’Fumazo, Cantina do polideportivo do Roxal, Café bar Albarón e La Flor de Mayo.