O Concello convoca as axudas para o movemento asociativo dirixidas á promoción de actividades e investimentos en materia deportiva e cultural

 O Concello de Neda destinará unha partida de 17.000 euros a diferentes liñas de axudas en materia deportiva e cultural dirixidas ao movemento asociativo. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria, marcando o inicio do prazo de presentación de solicitudes. Poderán presentarse no Rexistro Municipal da casa consistorial a partir de mañá xoves, 1 de outubro, e por espazo de 20 días naturais.

As axudas van destinadas a tres capítulos: a promoción de actividades culturais; a promoción de actividades deportivas, e a realización de investimentos de carácter cultural. Precisamente, a finais de xullo, Concello e asociacións acordaban reorientar as subvencións municipais este ano, abrindo a posibilidade de destinalas tamén a investimentos. O obxectivo era facilitar o acceso ás axudas nestes tempos de covid-19, que levaron á cancelación ou aprazamento de moitas actividades ao longo do ano. A partir de aí, iniciáronse os trámites administrativos para encaixar esta posibilidade. Un proceso que conclúe hoxe coa publicación no BOP da convocatoria.

Asociacións e entidades interesadas poden acceder ás bases no seguinte enlace: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2020/09/30/2020_0000006728.pdf