Neda estima en 2 millóns de euros o investimento necesario para eliminar os verquidos á ría de Ferrol

 O Concello de Neda demanda urxentemente a colaboración económica da Xunta de Galicia para executar os investimentos millonarios necesarios en materia de saneamento para poñer fin aos verquidos á ría de Ferrol. Uns investimentos que superan os dous millóns de euros segundo as estimacións da Administración local. Así o puxo de manifesto esta mañá o alcalde de Neda, Angel Alvariño, que comparecía en rolda de prensa xunto á tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Ana Rosa Pena, e a concelleira de Educación e Deportes, Angeles Puentes. Quería denunciar publicamente a problemática que está a sufrir o municipio nesta materia, máxime despois das últimas declaracións realizadas por representantes da Xunta de Galicia, que daban por concluído o proceso de saneamento coas últimas actuacións en curso.

Alvariño quixo levantar a man e poñer o foco sobre a realidade de Neda, o único concello da ría que, inexplicablemente, quedou fóra do saneamento proxectado pola Xunta e dos proxectos de construción dos colectores para a marxe norte e sur da ría. A partir de aí, o Concello foi asumindo diferentes intervencións nesta materia. A última, por importe de 120.000 euros e coa axuda da Deputación, o que permitiu a recollida de pluviais e fecais dende a zona do pazo da Merced, estación de ferrocarril e curva do Regueiro cara a estación depuradora.

En paralelo, o Concello foi redactando diversos proxectos. O último, tan só á espera das autorizacións pertinentes: o saneamento na zona comprendida entre o río Basteiro e a depuradora. Un proxecto valorado en 550.000 euros moi necesario para poñer fin ás filtracións detectadas nos análises na estación depuradora. Ligado a este, o Concello prevé sacar a contratación a redacción do proxecto para conectar Xuvia co río Basteiro e, deste xeito, poñer fin ao ciclo do saneamento no municipio, dando unha solución prácticamente definitiva aos verquidos á ría. Tan só pendente de pequenas actuacións sobre o río Belelle.
 
Nesta liña, o alcalde mostrou a súa preocupación pola falta de resposta por parte de Augas de Galicia, fundamental para acometer as intervencións. Asegurou que Neda non pode ser o único concello da ría en afrontar este problema en solitario, e apuntou que nun principio o anterior director do ente comprometérase a colaborar na financiación dos proxectos a través dos fondos resultantes das baixas nas obras da Malata, pero co cambio de responsable a promesa quedou niso.
Para Alvariño resulta inexplicable que dende hai 3 anos Augas de Galicia agrave a situación con continuas multas ao Concello de Neda por verquidos á ría cando está actuando no marco das súas posibilidades financieiras. Unhas multas cada vez máis recurrentes e que o Concello alega como resposta. Unha situación que se complica aínda máis para o alcalde cando a coñecida como Lei Montoro impide a concellos como Neda, con débeda cero e superávit, destinar o remanente de tesourería -de 750.000 euros- a estas actuacións.
 
Para o alcalde, a única saída é a cofinanciación, tal e como se fixo cos colectores norte e sur da ría.
 
Servizo de recollida de residuos sólidos urbanos
Doutra banda, e sen saír dos asuntos vencellados ao medio ambiente, o alcalde avanzou a inminente licitación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos. Lembrou que este está fóra de contrato dende 1999, hai máis de 21 anos. Unha situación que debe mudar de inmediato. Apuntou que en 2015 tentouse inicialmente a remunicipalización, pero as dúbidas xurídicas lastraron o proceso. A partir de aí, e coa previsión do fin de contrato en Narón en 2017, traballouse xunto a este concello e o de Ferrol, tamén sen contrato, para mancomunar o servizo. Porén non saíu adiante e Neda apura agora a licitación. Na actualidade, a empresa que presta o servizo tan só aporta o persoal, sendo propiedade do concello a flota de vehículos, cunha antigûidade moi elevada que deriva nun gasto cercano aos 70.000 euros anuais en materia de reparacións. Así mesmo, co novo contrato buscarase poñer remedio a outro problema grave en Neda como é a proliferación de verquidos incontrolados. Problema que se estende a toda a comarca e que en Neda supuxo en 2019 un gasto de 90.000 euros a maiores do custe das recollidas programadas.