Sesión de contacontos para bebés de ata 3 anos este venres na Casa da Cultura de Neda

 O Concello de Neda inaugura a súa programación cultural de outono con dúas sesións de contacontos dirixidos aos máis pequenos e pequenas da casa. Celebraranse seguindo un protocolo específico de prevención fronte á covid-19 e terán por escenario o salón de actos da Casa da Cultura co fin de garantir as distancias interpersoais. As sesións son gratuítas e a primeira terá lugar este venres ás 18 horas: “Paxariños” de Trinketrinke Teatro. Para asistir é preciso inscribirse previamente entre mañá mércores e o mesmo venres, de 9 a 13 e de 16 a 20 horas na Biblioteca ou chamando ao 981 39 02 33.

As prazas están limitadas a 10 nenos e nenas e deberán estar acompañados dunha persoa adulta por unidade familiar.

“Paxariños” está dirixida a nenos e nenas de ata 3 anos. Trátase dun contacontos para bebés fundamentado nunha posta en escea moi visual: un ovo xigante do que nacerá un paxariño, un conto sinxelo e sonoro que lembra cantareiras infantís.
 
Ao venres seguinte, á mesma hora e no mesmo escenario, Trécola Teatro ofrecerá a súa obra “Sen medo” para nenos e nenas de 4 a 9 anos.
 
As sesións inclúense no programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia da Xunta de Galicia.