A unificación de cursos imposta por Educación no CEIP San Isidro impide manter as distancias de seguridade fronte á covid

 A comunidade educativa do CEIP San Isidro realizou esta mañá un acto reivindicativo nas aulas para demandar da Consellería de Educación que cubra a praza vacante cun mestre/a en 3º de Educación Primaria. Unha praza contemplada no catálogo de postos do centro que evitaría unificar as aulas de 2º e 3º tal e como vén imposto dende a administración educativa. Con esa decisión de Educación, os nenos e nenas desta aula non cumpren as distancias de seguridade establecidas como medida de prevención fronte á covid-19. Así o constataron hoxe pais, nais, docentes e concelleiros do goberno municipal, que se uniron ao acto celebrado esta mañá. Cada un deles ocupou un pupitre, amosando ás claras o escaso marxe entre as mesas.

Un problema de fácil solución: a incorporación do/a mestre/a que lle corresponde ao centro por ratio. Así mesmo, o espazo non sería un problema, xa que ao unificar cursos unha das aulas quedou completamente baleira. A maiores, dende a comunidade educativa non se entende esa unificación porque ademáis de agrupar diferentes cursos e idades, estase a agrupar dous niveis diferentes. Así, a carga horaria das diferentes materias non coincide.

Ademais, a comunidade educativa solicita un/ha profesor/a de apoio, xa que a incorporación dun novo alumno con necesidades especiais nesa aula unificada obriga a unha atención permanente que agora deberá asumir o centro co persoal existente, e que non é suficiente.
 
A comunidade educativa do CEIP xa trasladou a situación á Xefatura Territorial e continuará reiterando os seus escritos.