Arranca o curso na Escola Infantil Municipal marcado polas medidas de prevención fronte á covid

 Nove nenas e nenos iniciaron esta mañá o novo curso na Escola Infantil Municipal Os Pelegríns de Neda. As medidas de prevención fronte á covid-19 marcaron esta primeira xornada, xa que os máis pequenos e pequenas terán que acostumarse a novos hábitos. Entre outros, a toma de temperatura nada máis acceder á entrada e a retirada de calzado por outro que permanecerá sempre no centro. Tamén, despedirse antes das familias, xa que estas non poden agora acceder ás instalacións. Habilitouse un espazo para esa despedida entre pais e crianzas na entrada, que se fará de xeito escalonado. Na fase de adaptación, a partir das 9 horas e, unha vez superada esta, que depende do ritmo que marquen nenas e nenos, a partir das 8 horas.

No interior, os dispensadores de hidroxel acompañarán aos menores, xa que a desinfección de mans será constante, ao igual que a limpeza dos diferentes elementos de xogo. Ademais, prestarase especial atención á ventilación dos espazos, rotando as actividades entre un e outro.

A diario, procederase á desinfección do parque exterior e do camiño de entrada. Precisamente, aproveitarase ao máximo esa zona exterior axardinada coa que conta o inmoble para desenvolver as actividades do día a día.
 
Un servizo de conciliación que este ano experimentou unha caída na matriculación respecto a anos precedentes, cando a media se situaba nos 20 alumnos e alumnas, e que se explica pola nova normalidade imposta pola covid-19.