O Concello distribúe máis de 1.600 mascarillas entre os centros educativos do municipio

 Co inminente inicio do curso escolar, o Concello de Neda está a distribuír estes días entre os centros educativos do municipio máis de 1.600 mascarillas. Un material de prevención fronte á covid-19 que completa con termómetros para o control de temperatura.

O obxectivo é que colexios e institutos conten con mascarillas de reserva nas aulas, de modo que en caso de necesidade os alumnos e alumnas poidan acceder a este material. A maiores, tamén se están a entregar mascarillas para o uso de docentes e persoal dos centros.
 
Así, e segundo as aulas, no CEIP de Maciñeira entregáronse 550 mascarillas; no CEIP San Isidro, 500, e no IES Fernando Esquío, 600.
 
A iniciativa súmase ao reparto de mascarillas realizado dende o inicio da pandemia entre establecementos con atención ao público, poboación máis vulnerable e veciñanza en xeral.