Neda honra este martes á súa patroa, Santa María

 A pesares de vivir unha nova normalidade na que os festexos quedan aparcados nas axendas, o Concello de Neda non se esquece da súa patroa, Santa María, e o vindeiro martes, 8 de setembro, no municipio será festividade local como manda a tradición. Será unha celebración atípica, máis sentimental que nunca, que o Concello decidiu acompañar de animación nas rúas para tentar darlles algo de alegría a través das actuacións itinerantes da charanga Santa Compaña e Pulpiño Viascón e o Sr. Lili e o seu espectáculo A Musicleta. A primeira, percorrerá as rúas a partir das 13 horas, e os segundos ambientarán o parque de Santa María dende as 18 horas, pensando sobre todo nos máis cativos da casa.

Así mesmo, ás 19 horas, o adro da igrexa de Santa María acollerá un espectáculo de acrobacias e xogos aéreos a cargo da compañía Desastronauts, e que leva por título “Máis alto aínda”. Con aforo reducido e coas debidas medidas de prevención, as persoas interesadas en tomar parte deben reservar previamente a súa entrada chamando ao teléfono 981 39 02 33 este xoves e venres e o próximo luns en horario de 10 a 14 horas. Ata completar as prazas. As actuacións están patrocinadas pola Deputación provincial da Coruña a través da Rede Cultural e tamén polo 8º ciclo Cultura no Camiño.