Espectáculo de circo con monicreques de fío este domingo no campo da feira de Albarón

 O campo da feira de Albarón será escenario este domingo 30 de agosto da función “The Puppet Circus”, a cargo de Alauda Teatro. A compañía de Castela e León ofrecerá o seu espectáculo, para todos os públicos, a partir das 12,30 horas. Aínda que a asistencia é gratuíta, é preciso reservar entrada previamente na Casa da Cultura ou no teléfono 981 39 02 33 (dende xa e ata o venres en horario de 10 a 14 horas).

A función inclúese no Festival Teatral de Entes Animados (FESTEA 2020), que arrancaba a semana pasada nos concellos de Ares, Ferrol e Neda, baixo a organización conxunta dos tres municipios e en colaboración coa Asociación Titerario.

“The Puppet Circus” é un divertido espectáculo de circo con sorprendentes monicreques de fío para toda a familia. Dende a súa estrea en 2011, a compañía ten realizado máis de 300 actuacións e participado en 55 festivais nacionais e internacionais, o que dá boa proba da aceptación por parte do público.