Concello e panaderías convidan á cidadanía a compartir as súas imaxes da Festa do Pan dende os seus inicios e as súas receitas caseiras

 A Festa do Pan de Neda dá o salto ás redes sociais e, aínda que por cuestións de seguridade este ano o Concello e as panaderías decidían trasladar á súa celebración ao 2021, non queren renunciar á promoción do produto estrela do municipio. Por isto, danse a man para poñer en marcha diversas iniciativas coas que dar a coñecer e pór en valor o pan de Neda xunto á veciñanza.

Así, dende hoxe e ata o vindeiro domingo (30 de agosto), Concello e panaderías convidan á cidadanía a enviar as súas fotos da celebración da Festa do Pan, dende os seus inicios en Albarón ata o 2019, xa sexa de merendas familiares, do concurso de empanadas, actuacións, xentes, postos de pan… todas elas serán publicadas nas redes sociais do Concello entre o venres 4 e o domingo 6 de setembro.

Así mesmo, e no mesmo periodo (dende hoxe e ata o domingo 30), a veciñanza tamén poderá remitir as súas receitas caseiras de pan, empanada ou doce, acompañadas dunha imaxe do resultado final ou un vídeo explicativo cos pasos a dar. Nesta ocasión, o Concello compartirá imaxes e vídeos nas redes sociais entre o martes 1 e o xoves 3 de setembro.
 
Fotografías e material audiovisual deben remitirse por whatsapp ao número 650 484 521, namentras que as receitas por escrito deben enviarse ao correo cultura@neda.gal. En todos os envíos faranse constar os datos da persoa participante: nome e apelidos, DNI, teléfono e localidade de empadroamento.
 
Entre os participantes sortearanse 8 lotes de produtos das panaderías que participarían cun posto de venda ou aportando produtos para a súa degustación no xantar popular na Festa do Pan 2020: La Gallega, Modesto Hermida, Germán, Santa Rita, Paca Castro Romero, J. Castro, La Nueva e Viuda de Romero, valorados cada un deles en 100 euros.
 
A cada participante asignaráselle un número e o sorteo terá lugar o luns 7 de setembro na casa consistorial e en presenza do secretario municipal. Ao seu remate, comunicarase o resultado ás persoas gañadoras, que terán que recoller o premio antes das 14 horas.