A Mancomunidade licitará este mes o novo contrato do servizo de atención temperá para nenos e nenas

 A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou esta mañá no pazo municipal o pleno deste mes. Nesta xuntanza, os representantes dos municipios que integran o organismo —Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño— avanzaron no novo expediente de contratación do servizo de Atención Temperá, que presta o organismo a través dun convenio coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps). O novo contrato terá unha duración dun ano prorrogable outro máis e está previsto que saia a licitación ao longo deste mes de xullo.

Trátase dun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos dos nove concellos da Mancomunidade, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os pequenos e pequenas con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. Desde o comezo da súa actividade, o pasado mes de setembro, ata o pasado mes de xuño prestouse asistencia a máis de 70 usuarios.

Subvención para o servizo de orientación laboral
Na sesión plenaria celebrada esta mañá tamén se deu conta da renovación da concesión da subvención da Xunta para o servizo de orientación laboral a través do cal reciben atención persoas desempregadas dos municipios de Ares, Mugardos, Neda e Valdoviño.
 
O importe da subvención é de 25.000 euros, que se destinan a cubrir parte dos gastos salariais da persoa que imparte o curso. Os beneficiarios do curso, que vén desenvolvéndose desde hai tempo, reciben atención personalizada e orientación para formar parte de cursos de inserción.