Cine de verán ao aire libre este xoves en Neda co pase da película “Los Futbolísimos”

 Coa película “Los Futbolísimos”, o Concello de Neda inaugura este xoves 9 de xullo o seu ciclo de cine de verán. A proxección dará comezo ás 22,30 horas nos Subarreiros -en caso de choiva, a actividade trasladaríase á Casa da Cultura-, e as persoas interesadas en asistir ao pase xa poden reservar as súas entradas dende hoxe e ata o mércores -incluído-. Para isto, poden acudir presencialmente á Casa da Cultura de 10 a 14 horas ou chamar ao teléfono 981 39 02 33 no mesmo horario. Iso si, é preciso que a reserva sexa por conta dunha persoa adulta, que facilite nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto.

O Concello tentará agrupar ás familias e tamén aos grupos de amizades de cara a optimizar un espazo que se verá mermado polas distancias sociais que se precisan gardar. Así mesmo, o día da sesión as persoas deben acudir coas súas entradas cunha antelación mínima de 10 minutos antes do inicio da proxección para acomodar espazos.

O ciclo continuará o 23 de xullo no paseo marítimo, coa proxección de “La Casa del Reloj en la pared”; “Ratón Pérez 2” (6 de agosto na Cruz do Pouso), e “A Galiña Turuleca” (13 de agosto na pista polideportiva do Roxal).