Fene, Mugardos e Neda impulsan o programa de obradoiros Mocidade Activa

 Os concellos de Fene, Mugardos e Neda poñen en marcha o proxecto Mocidade Activa, co apoio da Consellería de Sanidade. Un programa dirixido aos mozos e mozas de entre 11 e 16 anos que contempla unha serie de obradoiros cos que promover a cohesión social e reflexionar e sensibilizar sobre as adicións con sustancias ou comportamentais.

A programación inclúe os seguintes obradoiros: pilotaxe de drons, fútbol burbulla, fabricación dixital 3D, artesanía electrónica, habilidades maker, como ser youtuber, radio, habilidades persoais e combate láser. Para a súa posta en marcha requírese unha inscrición mínima de 10 persoas por taller e os mozos e mozas de Neda interesados en tomar parte poden anotarse ata o 13 de xullo a través do correo servizos.sociais@fene.gal, ou teléfonos 981 34 26 07 e 981 49 27 06.

A partir de aí, o programa arrancará o 15 de xullo e prolongarase ata o 15 de agosto con obradoiros de dúas horas e media de duración. Lugares e horarios especificaranse tras a formación dos grupos.