O Concello de Neda programa un ciclo de Cine de Verán nocturno e ao aire libre

 O Concello de Neda convida a nenos/as e maiores a disfrutar do mellor cine ao aire libre este verán. Con esa filosofía programará en xullo e agosto sesións nocturnas en diferentes espazos da localidade, sempre tentando descentralizar a programación de actividades. O cartel inclúe as películas “Los Futbolísimos” (9 de xullo nos Subarreiros; en caso de choiva na Casa da Cultura); “La Casa del Reloj en la pared” (23 de xullo no paseo marítimo; no caso de choiva no IES Fernando Esquío); “Ratón Pérez 2” (6 de agosto na Cruz do Pouso), e “A Galiña Turuleca” (13 de agosto na pista polideportiva do Roxal). As sesións de xullo celebraranse ás 22,30 horas e, as de agosto, ás 22 horas.

En todos os casos, a entrada é gratuíta, pero require de reserva anticipada de entrada. Trátase dunha das medidas establecidas no marco da nova normalidade imposta pola COVID-19. Así, o prazo para reservar as entradas abrirase os luns previos ás sesións. Un trámite a realizar na Casa da Cultura de 10 a 14 horas. Debe acudir unha persoa adulta e aportar nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto. O Concello tentará agrupar ás familias e tamén aos grupos de amizades de cara a optimizar un espazo que se verá mermado polas distancias sociais que se precisan gardar.

Así mesmo, o día da sesión as persoas deben acudir coas súas entradas cunha antelación mínima de 10 minutos antes do inicio da proxección para acomodar espazos.