O Concello saca a licitación o servizo de reparación e mantemento das instalacións do alumeado público

 O Concello de Neda vén de sacar a contratación o servizo de reparación e mantemento das instalacións do alumeado público e semafórico da localidade. Un contrato por un ano con posibilidade de dúas prórrogas coas que se completarían o trienio, e no que o Concello prevé investir nese periodo de tres anos 108.900 euros. As empresas interesadas en presentar a súa oferta teñen de prazo ata o 5 de xullo e poden consultar a convocatoria no perfil do contratante na web municipal ou na plataforma de contratación do sector público.

Este contrato comprende a prestación dos servizos de reparación e mantemento das instalacións do alumeado público e semafórico -contabilízanse un total de 1.777 puntos de luz en todo o termo municipal-, e actuacións especiais en eventos de carácter festivo consistentes no arranque e apagamento de alumeados nos campos das festas. Tamén se inclúe o mantemento do alumeado dos edificios de titularidade municipal -uns 30- e instalacións do campo de fútbol de San Isidro.

Así mesmo, nos últimos anos estívose a substituír unha importante parte das lámpadas de descarga do alumeado público por lámpadas LED, que comportan unha importante redución do consumo. Como consecuencia disto, prodúcese unha importante redución do termo de potencia precisa para as devanditas instalacións, redución que haberá de ser tramitada co subministrador da enerxía eléctrica. Por iso, o Concello establece nos pregos de contratación que, ao remate do contrato -un ano-, a totalidade dos subministros teña o seu termo de potencia contratado axustado ao requirimento efectivo de cada instalación.