A unidade móbil de doazón de sangue trasladarase a Neda este luns 30 de marzo

 Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Sangue trasladarase este luns 30 de marzo ao Concello de Neda. Permanecerá diante da Casa da Cultura entre as 15,30 e as 21 horas e, dada a situación de alerta, aquelas persoas que desexen doar sangue terán que pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828.

No desprazamento das persoas doantes de sangue á unidade móbil, poden amosar o SMS de confirmación de cita ou a súa tarxeta de doador de sangue para acreditar o motivo do seu desprazamento ante as autoridades competentes no caso de control de circulación e, posteriormente, na unidade móbil facilitarase a todas as persoas que doen sangue un xustificante.

Así mesmo, solicítase gardar como mínimo 1 metro de separación das zonas de espera.
 
Máis que nunca, precísase da solidariedade veciñal, xa que a vida de moitos enfermos depende cada día das doazóns de sangue.