O Concello tramitará novas altas no servizo gratuíto de teleasistencia para persoas maiores que viven soas

 Ante a crise sanitaria do Covid-19, a Deputación abriu a posibilidade de tramitar novas altas con carácter de urxencia no servizo de teleasistencia simplificando a súa tramitación administrativa. Un servizo gratuíto dispoñible para as persoas que viven soas.

Así, dada a dificultade para obter neste momento determinados documentos que se esixen na tramitación ordinaria, coma os informes médicos, a Deputación permite solicitar o servizo de teleasistencia de forma urxente, cun número mínimo de documentos e un informe dos servizos sociais do Concello xustificando a necesidade deste. Así mesmo, tamén é necesario o compromiso do alcalde de completar os documentos do expediente cando remate o estado de alarma.
 
As persoas interesadas en solicitar o servizo para elas ou a súa familia deben tramitalo a través dos Servizos Sociais do Concello de Neda. Para calquera outra información adicional está a disposición o correo servizos.sociais@dacoruna.gal e o teléfono do Concello: 981 38 00 39.
 
Nestes momentos, estase a realizar un especial esforzo no contacto periódico cos usuarios e usuarias do servizo para verificar o seu estado de saúde e para transmitir información sobre a importancia de manter determinadas normas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social que contribúan a frear a propagación do coronavirus.