A Xunta inicia actuacións de conservación e limpeza no tramo interurbano do río Belelle

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, iniciou hoxe actuacións de conservación e limpeza no tramo interurbano do río Belelle, no Concello de Neda. Os traballos iniciados por Augas de Galicia desenvólvense nos treitos do río ao seu paso polas parroquias de Santa María e San Nicolás. As principais tarefas consisten na retirada de árbores, ramas caídas e madeira morta sobre o canle do río. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento de Augas de Galicia, conservación e mellora do dominio público hidráulico no ámbito territorial da zona Galicia-Norte. Este tipo de intervencións do organismo hidráulico da Xunta permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.