O alcalde solicita á Consellería de Sanidade que proporcione medios de protección para os/as traballadores/as do Servizo de Axuda no Fogar

 O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, solicitou no día de onte á Consellería de Sanidade que proporcione ao Concello EPIs (Equipos de Protección Individual) necesarios para que os/as traballadores/as do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) desenvolvan o seu labor, imprescindible e vital, coas máximas garantías. O escrito foi remitido no día de onte ao departamento autonómico, toda vez que resulta imposible obter estes recursos no mercado.

Neste contexto, o Concello quixo agradecer a colaboración que está a recibir do tecido empresarial local, xa que onte mesmo unha firma de Neda poñía a disposición do Concello 100 mascarillas profesionais, que hoxe a Administración local facía chegar á empresa concesionaria do SAF. Unha remesa á que se suman os 200 mandís dun uso remitidos tamén polo Concello á empresa do SAF.

Así mesmo, dende a Concellería de Servizos Sociais sinálase que o SAF, ao non ser un servizo sanitario, non se rixe polo protocolo de sanidade, aínda que os/as auxiliares están a realizar un servizo básico, vital en moitos casos, co mesmo nivel de exposición que o persoal sanitario, polo que o seu labor debe ser protexido por todos os medios. De aí, as xestións realizadas polo Concello ante a Consellería de Sanidade da Xunta.
 
Por último, sinalar que en Neda mantense o servizo e que só se suspendeu nalgúns fogares a petición dos/as usuarios/as de libre concurrencia.

 

Neste contexto, o Concello quere agradecer publicamente o extraordinario labor dos/as profesionais que atenden este servizo.